No marco do programa INNOVAPEME, INTACTA tivo a oportunidade de colaborar con ANFACO-CECOPESCA no desenvolvemento de solucións para o uso de microalgas no tratamento de augas residuais industriais.
A búsqueda de alternativas aos procesos convencionais de tratamento e depuración de augas residuais industriais mediante novos procesos biolóxicos é unha liña de investigación e desenvolvemento de grande interese. O obxectivo é dispoñer de máis tecnoloxías, máis específicas e máis adaptativas a cada tipo de auga industrial, ademais de servir como complementos a procesos biolóxicos recorrentes.
As microalgas están abrindo un novo panorama para o tratamento de compostos metálicos, orgánicos e para formas complexas de nitróxeno. Por exemplo, microalgas tales como Scenedesmus sp, Espirulina sp, Chlorella sp, Tetraselmis sp e Pseudochlorella sp, amosaron xa a súa capacidade para a eliminación de cromo e outros elementos contaminantes empregando fotobiorreactores. Ademais da súa capacidade de tratamento, as microalgas ontribúen a mitigar os efectos das emisións de gases de efecto invernadoiro: son os maiores biofixadores de CO2 do planeta.
As nosas investigacións estiveron dirixidas á capacidade de tratamento de materia carbonácea disolta e do nitróxeno orgánico presente nas augas industriais de diferentes sectores, entre eles o agroalimentario, onde as formas de carbono e nitróxeno ao proceder do medio natural resultan máis facilmente compatibles coa actividade destes organismos; e tamén noutros como o químico, onde certos efluentes poden presentar formas «duras» de nitróxeno que poden ser «ablandadas» polas microalgas.
Durante os traballos realizados puidemos confirmar que determinadas especies de microalgas son capaces de tolerar e aproveitar o nitróxeno duro presente nunha auga residual industrial totalmente allea á natureza sen necesidade de acondicionamento previo, e puidemos validar a escala de laboratorio que son capaces de traballar en modo semicontinuo, o que abre interesantes oportunidades para escalar estes desenvolvementos en aplicacións industriais.